31 December 2009

Morte no esquecemento

Se xa foi pouco intelixente a decisión de pasar estas datas nun país no que é inverno, o foi moito menos facelo nun país de tradición tan cristiá coma consumista. Forzado polas circunstancias laborais, no medio de atracóns de comida, comentarios prefabricados e pomposas vestimentas, aínda é posible manter algunha conversa alternativa entre o cinismo dos fastos do Nadal.

É raro falar da morte nesta época do ano a non ser que te atopes con ela ou cun existencialista consumado. Pois ben, dado que a morte non é moi faladora, é neste último caso que colixes que a vida humana ten sentido somentes cando "existe" e que máis aló do seu punto e final non hai nada. Podemos morrer físicamente, como individuos, anque a nosa carga xenética continúe intacta a través dos nosos fillos e fillas. Pero a morte definitiva, e quizáis para algúns a máis terrible, é cando morre a derradeira persoa que coñecía algunha pequena parte de nós. Deste xeito, e dunha forma un chisco romántica, pódese dicir que acompañamos na súa morte ao noso derradeiro ser amado.

Máis tendentes á inmortalidade son os artistas, que permanecen incólumes ao paso do tempo a través das súas obras; obras que miras, lees ou escoitas e que é como mirar, leer ou escoitar un pedaciño do ser das persoas que as crearon. Obras coma esta pequena perla en forma de poema de Ángel González:

Eu sei que existo
porque ti me imaxinas.
Son alto porque ti me crees
alto, e limpo porque ti me miras
con bos ollos,
con mirada limpa.
O teu pensamento faime
intelixente, e na túa sinxela
tenrura, eu son tamén sinxelo
e bondadoso.
Pero se ti me esqueces
quedarei morto sen que ninguén
o saiba. Verán viva
a miña carne, pero será outro home
-escuro, torpe, malo- o que a habita...

E despois de todo isto, se alguén segue desexando unha sinceira felicitación para o 2010, o único que podo dicirlle é que, canto menos en vida, non morra no esquecemento.

25 December 2009

As veas abertas da América Latina

Tras esta longa noite de pedra no caderno de bitacora quero recuperar a b-normalidade cun retallo do libro que ocupa ultimamente a miña mesiña de noite. Trátase dun coñecido ensaio do autor uruguaio Eduardo Galeano publicado xa vai uns cantos aniños (1971). Porén, a universalidade do libro fica en rareza para a gran maioría da sociedade europea e norteamericana, ignorantes dos escuros entresixos das súas historias coa de America Latina, dende a súa colonización ata a época contemporánea. Un libro imprescindible para comprender a realidade de 580 millóns de almas.


" (...) Non sucede o mesmo, en cambio, co consumo de coca, que non naceu cos españois; xa existía en tempos dos incas. A coca distribuíase, non obstante, con mesura; o goberno incaico monopolizábaa e só permitía o seu uso con fins rituais ou para o duro traballo nas minas. Os españois estimularon agudamente o consumo de coca. Era un espléndido negocio. No século XVI gastábase tanto, en Potosí, en roupa europea para os opresores como en coca para os oprimidos.
Catrocentos mercadores españois vivían, no Cuzco, do tráfico de coca; nas minas de prata de Potosí entraban anualmente cen mil cestos, cun millón de quilos de follas de coca. A Igrexa extraía impostos á droga. O inca Garcilaso de la Vega dinos, nos seus "comentarios reais", que a maior parte da renda do bispo e dos cóengos e demais ministros da igrexa de Cuzco proviña dos décimos sobre a coca, e que o transporte e a venda deste produto enriquecía a moitos españois. Coas escasas moedas que obtiñan a cambio do seu traballo, os indios compraban follas de coca en lugar de comida: mastigándoas, podían soportar mellor, ao prezo de abreviar a súa propia vida, as mortais tarefas impostas. Ademais da coca, os indíxenas consumían augardente, e os seus propietarios queixábanse da propagación dos vicios maléficos. A esta altura do século vinte, os indíxenas de Potosí continúan mastigando coca para matar a fame e matarse e seguen queimándose as tripas con alcohol puro. Son as estériles revanchas dos condenados."

12 October 2009

Como as follas do outono

As mellores reflexións xurden sempre dun estado de tranquilidade, e cada quen busca ese momento como quere ou como pode. O que resulta verdadeiramente complicado é facer que ese estado dure. Xa que estes momentos de nirvana son tan escasos, gosto de etiquetalos sempre cunha imaxe, cunha banda sonora e cunhas verbas.


Cada día que pasa son maiores as cousas ou as persoas ás que podemos engancharnos. Entón, sentimos que toda a nosa vida se reduce a unha axenda na que os amigos, as nosas aficcións, as cousas que antes nos resultaban divertidas, se trocan en máis citas, en máis cachiños dun tempo limitado de 24h ao día. De que vale estar a facer un montón de proxectos se todos pasan ao noso redor sen apenas gozar deles? Por primeira vez, podo dar fé de ter feito unha aplicación práctica das reflexións expostas neste blog. Hoxe pola mañá, tras o meu momento de relax particular ao saír da piscina, entonei un "aquí me baixo" e sentei no sitio que tiña máis preto. E así, parado mentres o mundo (e o meu eu das últimas semanas) seguían a moverse, puiden ollar que as árbores comenzaran xa a se deprender das súas follas secas.

Ao redor a xente bulía coas súas ocupacións de día festivo mais ao lonxe soaban os timbres das escolas programados, ignorantes de que hoxe non había horas que marcar. Aos meus pes o vento xogaba co outono e cubría o céspede verdescente dun parque con cachiños de marrón. Entón, e só entón, consciente de todo o que me rodeaba, desprendido das miñas follas secas e capaz de novo de vivir a miña vida coma unha persoa e non coma un reloxo, levanteime e emprendín o camiño a casa da man de Jack Jonhson.


25 September 2009

Italiano per principianti

Italiano para principiantes, Italian for begginers ou Italiano per principianti (o meu preferido) non é ningunha película italiana. O seu título orixinal é Italiensk for begyndere e é de orixe danesa. Nesta comedia romántica atípica fálase dos problemas das relacións humanas de seis persoas moi distintas que conflúen nun curso de italiano. É unha película atípica en canto a que pertence ao estilo de cine dogma 95, o máximo representante do cal é Lars Von Trier. Se ben todos temos en mente Dogville, Italiano para principiantes é menos simbólica e moito máis agradable. Porén, repecta o principio fundamental do movemento: a sinxeleza. Trátase de dar protagonismo ao desenvolvemento dramático, en lugar dos arranxos de post-produción, co obxeto de recuperar a esencia do cine. Esa esencia, en certa medida, perdida entre os intereses dunha industria cinematográfica pendente case exclusivamente do económico.

Que é o que resulta máis destacado desta película? A capacidade de facer bo cine con escasos medios, de xeito artesanal. A pesar de que en certos momentos observas como treme a cámara (hai que rodar cámara en man segundo o decálogo dogma 95), que non hai música (salvo a do ambiente propia da escena) e que a calidade da fotografía é propia dun telefilme, a película engancha, e engancha porque hai unha boa historia e unha boa interpretación detrás. Non hai música orquestrada nin espectaculares tomas fotográficas para conmover sentimentos no espectador, senón simplemente media ducia de actores e actrices desenvolvendo perfectamente o seu papel.

A título persoal, esta película supuxo que dous meses despois estivera viaxando cara a Roma, atraído fundamentalmente pola fermosa fonética do italiano. Agora, un ano e medio despois, conseguín praza na Escola Oficial de Idiomas de Santiago para iniciar o meu particular curso de italiano para principiantes; chamado aquí de forma menos romántica: Básico 1. A primeira impresión teño que decir que foi moi boa. Por unha banda, o profesor, un mozo dinámico e agradable ao que lle encanta tanto o italiano como a ensinanza. E pola outra, un grupo de alumnos cunha media de idade de trinta e pico, que acoden a clase por interese persoal e non obrigados por esixencias profesionais.

Aínda que o ambiente non chega a acadar a familiaridade do grupo da película, si está moi por riba do que cabería esperar considerando os recortes de financiamento que padecen as Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia. Estes recortes obrigan a que os mesmos profesores teñan que facer fronte a unha cada vez maior demanda de cursos, formándose listas de agarda tan interminables como as colas de matricula. Este último mes sairon en prensa continuas novas ao respecto. Podedes facervos unha idea da problemática lendo o manifesto da asociación de profesores de escolas oficiais de idiomas de Galicia. Agora deixovos cunha auténtica clase de italiano per principianti...

15 September 2009

Os pequenos praceres matutinos da vida

Resulta incrible o que pode facer unha mestura de música relaxante, como a versión do Losing my religion de Tori Amos, e unha tranquila mañá de vacacións. Tal e como xa comentara na entrada Aquí me baixo, é pouco usual observar estampas de tranquilidade nunha mañá calquera do día a día. A non ser, claro está, que cando espertas poñas o disco a 33 rpm e non a 45 rpm. Pois ben, neses días de quietude nos que comezas as mañás a 33 rpm, nos que almorzas con calma e podes darte o privilexio dun bo paseo matutino, es quen de descubrir eses pequenos praceres da vida que cando vas montado no carrusel fican ocultos.

Espértome cedo, vou facer a compra nun super casi baleiro e regreso a casa por un camiño distinto ao habitual, menos transitado. Nese paseo matutino fágome máis consciente dos diferentes ángulos da cidade que me rodean. Ao lonxe, entre as montañas, vexo o continuo discorrer das filas de coches interminables polo periférico e a autoestrada. No medio, o comezo da actividade laboral faise eco no son da rodadura dunha furgoneta e na fala dalgunhas ferramentas. E máis preto, unha nai tirando da súa pequena que a súa vez tira dunha mochila con rodas, seguramente camiño do colexio. Detrás deles un can ceibo ulisca e escarva no céspede. De súpeto, un refacho de vento, sorteando as árbores próximas, refresca as miñas meixelas aínda arroibadas pola calor da almofada.

Oh, Life, is bigger
It's bigger than you
And you are not me
(...)



A miúdo centos de cousas suceden ao noso redor, milleiros de pequenas experiencias que fican baleiras porque media ducia de pensamentos se fan donos das nosas vidas. Descoñezo o mecanismo exacto polo que perdemos esa capacidade constante para sorprendernos e vernos atraídos polo que sucede ao noso redor, por esas experiencias sinxelas: as cores do arco da vella, o tacto das sabas ao despertarnos ou o perfume da herba recén cortada. O que si sei é que cando o facemos nos volvemos adultos. Entón, as cousas habituais deixan de chamarnos a atención e precisamos de experiencias novas (e usualmente costosas) para distraer a nosa mente. Pensamos máis que sentimos, e cando o facemos é de forma bastante artificial.

A tranquilidade, motivada pola despreoucupación de cando somos nenos, permítenos ter os sentidos ben abertos e gozar con esas pequenas cousas que en realidade poden ser todo o grandes que queiramos sentilas. A vida é grande, abarca máis ca ti (e ca min), pero claro, ti non es eu...

30 August 2009

Amor encadeado

En certa ocasión descubrín, xunto co meu amigo Naran, un estraño costume nos valos da entrada do Campus Sur de Santiago de Compostela. As nosas mentes, máis proclives á imaxinación desmesurada que á realidade, non tardaron en atopar diferentes explicacións moi próximas ao estilo ikerjimeneciano.

Fai pouco o programa Callejeros Viajeros sacounos da nosa ingnorancia: o de poñer cadeados en valos, farois e pontes é propio de xoves e devotos namorados. O certo é que este costume naceu en Roma. E naceu en Roma por causa da novela Teño ganas de ti, de Federico Moccia. As parellas de namorados ecriben as súas iniciais nun cadeado e o enganchan nun farol da ponte Milvio, botando as chaves ao río Tiber. A situación actual da ponte non está exenta de polémica política, e así mentres a centroesquerda está por defender o patrimonio cultural e cree que deberían habilitarse outras estruturas específicas, a centrodereita aposta por conservar o atractivo turístico destes símbolos do amor.

Como tanto os italianos como as italianas son moi dados a facer Erasmus por aquí, non tardaron en exportar a usanza. En Sevilla, por exemplo, empregan a ponte de Triana. Na Coruña estanse a dar os primeiros experimentos no Milenium. E por suposto en Internet, onde un par de italianos desenvolveron unha páxina web na que podes colgar gratuitamente o teu cadeado virtual. As variantes son moitas: valos, pontes, internet, nalgúns casos escriben as iniciais, noutros escriben mesmo unha frase ou pintan un debuxo. O que resulta raro é que en Santiago, no sitio que elexiron una ducia de namorados para selar o seu amor, non hai río, nin mar, nin ciberespacio para tragar as chaves. Será que as gardan polo que poida pasar?


26 August 2009

Medios de desinformación

Este domingo recuperei de novo a conciencia do pouco útil que resulta ver a televisión (e en xeral os medios de comunicación convencionais) para estar informado do que sucede no mundo. 15:00h, Cuatro Noticias, sección internacional, "manifestación contra a reforma da Lei Orgánica de Educación proposta polo goberno de Chávez". Enfoque dunha manifestación multitudinaria; sacan as declaracións dun par de persoas falando da "politización da ensinanza", "adoutrinamento ideolóxico" e de "levar o socialismo ás aulas". Acto seguido enfocan unha contramanifestación de partidarios chavistas; nesta ocasión non hai declaracións. Fin da noticia.

Dende que asistín á conferencia de Pascual Serrano en Santiago de Compostela sobre a desinformación dos medios de comunicación comprendín máis claramente que no proceso de información debe haber unha actitude activa, e polo tanto moito máis crítica. Todo o contrario que os medios convencionais (máis reducidos, unidireccionais e propiedade de grupos empresariais), internet é unha fonte casi inesgotable, bidireccional e accesible a todos os intereses e ideoloxías, que nos permite esa actitude crítica.

Chávez é un "ditador" parece ser a conclusión a que nos quere facer chegar esta nova e todas as que a diario se publican sobre Venezuela nos medios, inda que exiten algúns máis interesados que outros. Eses mesmos medios que se olvidan doutros ditadores como Teodoro Obiang, pero que dan menos problemas ás multinacionais. Como calquera cousa que acontece en calquera país en vías de desenvolvemento no que o liberalismo económico atope impedimentos, temos consignas ou lemas máis que noticias. Sinxelamente porque as noticias de verdade teñen rigor, profundidade, una labor investigadora de fondo e por suposto unha confrontación das opinións.

Dende logo, o que non é noticia é a desinformación á que os medios en xeral nos teñen acostumados sobre a realidade internacional. A miúdo coñecemos da existencia de varios conflictos que suceden por toda a xeografía mundial, de manifestacións de grupos radicais ou de execucións ou torturas de sistemas totalitarios. No mellor dos casos ese coñecemento non é máis que superficial: nada se fala da causa dos conflictos, nin se vai máis alá dos cristais rotos dos radicais nin se afonda nas orixes deses réximes totalitarios.

O que sí é noticia é o interese que demostra o grupo do finado Polanco en atacar todo movemento político que vén de Venezuela. Un exemplo máis amplo o tivemos vai pouco coa modificación da Constitución desa república. Eran famosas as consignas de "Chávez non se vai", "Chávez gaña o referendo sobre a súa permanencia no poder" e "Chávez consigue vía libre a reelección" que encheron os xornais de España o día despois do referendo. Pero se houbo un diario empeñado en reducir unha reforma constitucional de amplo contido a unha cuestión de relección presidencial, ese foi El País. En primeiro lugar este diario estaba moi interesado en confundir reelección con goberno perpetuo e en segundo, moi pouco interesado en falar das grandes reformas económicas; asuntos como a prohibición tallante do latifundio, descentralización do poder, prohibición de monopolios e alianza entre a propiedade estatal-pública, comunal-social e privada, etc. Quizáis porque estes asuntos non son moi do agrado de certas empresas transnacionais (coma Repsol) as cales gardan certas relacións co grupo PRISA.

No caso da reforma da Lei Orgánica de Educación vólvese a producir o mesmo patrón de actuación dos medios; neste caso máis feble polo menor calado económico do asunto. De novo, volvo a consultar por internet e atopo a maior oposición a esta reforma por parte dos conservadores relixiosos, molestos polo excesivo "humanismo" e laicismo da escola pública. Recoméndovos o artigo de "Dios se fue de la Escuela" de Marcelo Colussi. Convídovos a buscar outras fontes de información independentes e a cotexar os diferentes puntos de vista, pero ante todo convídovos a ser críticos e a non quedarvos nos lemas e consignas que supoñen os titulares tendenciosos dos grandes medios de comunicación. Todos e cada un dos puntos da reforma son opinables, pero non, os medios de masas vanse ao fácil, e nalgúns casos, á mentira descarada. Como dicía Pascual, os mass media non informan, crean realidades. Eu case diría que adoutrinan.


21 August 2009

Calexico

Calexico é un nome que pode facer referencia á cidade fronteiriza do sur de California ou ao grupo indie de Tucson (Arizona) . Da Calexico cidade pódese dicir, a modo de curiosidade, que é a cidade de USA que ten máis porcentaxe de habitantes latinos (85%). Cousa cada vez menos curiosa xa que a xente que viaxou por aló asegura que pola metade sur podes cruzar USA de este a oeste falando só español. Do Calexico grupo destaca o seu eclecticismo nunha agradable mestura de sonidos folk americanos e mexicanos xunto co rock alternativo. De ambos habería que dicir o que resulta evidente: deben o seu nome á combinación de California e México.

Recordo que a primeira vez que escoitei este nome foi no 2006 de camiño a un de tantos campus de verán da "Universidade de Mondoñedo". Nesa ocasión, e tamén o será agora, era para falar do Calexico grupo musical. Non recordo exactamente cal era o LP que me puxeron naquela ocasión, aínda que sí o bo sabor de boca que me deixou. Dende entón Calexico non se volvera a cruzar no meu camiño. Foi hai escasos dias, case coincidindo coa inauguración do blog, que o meu antecesor zamorano, Adolfo, lle agasallou aos meus oídos co seu último LP (Carried to dust).

A primeira impresión foi moi agradable: trátase dun disco de varios estilos mesturados de forma moi equilibrada, sonidos suaves, intimistas por momentos, en ocasións algo popeiros pola voz do vocalista Joey Burns. Un deses discos que escoitas unha e outra vez, canción por canción, sen cansarte del. Lendo un pocuo por internet descubrín que este concepto musical coñécese como "americana" e un cento de cousas máis sobre o grupo para as que vos recomendo a súa páxina oficial.

Volvendo sobre o disco en si, conta coa colaboración dun montón de invitados, entre os que resultaba facilmente recoñecible no incrible bolero "Inspiración" a voz de Amparo Sánchez, líder do desaparecido grupo Amparanoia. Outros cortes que me encantaron foron "El gatillo", un instrumental transfornteirizo que trae recordos de spaguetti western, "House of Valparaiso", fermosísima peza acústica do estilo praieiro, "Man made lake", "Two silver trees"... e por suposto a homenaxe a Victor Jara, alé-alé, que non logro sacarme da cabeza.


20 August 2009

Aquí me baixo


Todo o mundo é consciente, inda que non parece facer demasiado para remedialo, que nas sociedades occidentais a cultura do "rápido" é dona do momento. Esta forma de tomarnos a vida fai que moitas cousas pasen ao noso redor sen prestarlles apenas atención pois, dende a nosa óptica acelerada, non son máis que caras b. Sen embargo, hai persoas que baixan do carrusel e deciden parar a reflexionar, a meditar ou simplemente a sentir e experimentar o que as rodea.

Hoxe pola mañá, de camiño ao traballo, atopei unha desas persoas: unha rapaza sentada no medio dunha beirarrúa en costa, ao lado dun semáforo. Aparentemente esperando por alguén ou por algo, coas mans abrazando os nocellos e a mirada lonxana. Sen dúbida non é a imaxe bucólica de reflexión que imaxinamos: ao lado do mar, no ocaso do sol do verán, xa chegando o momento máxico do luscofusco... Quizáis por iso faise máis atípica e máis chamativa. En todo caso, o mellor momento para tomarse a vida coa calma que nos permita ser donos dela é SEMPRE.


19 August 2009

Despois do a...

... vén o b. A creación dun caderno de bitácora no que recoller as miñas impresións sobre certos aspectos da vida do día a día roldaba xa a miña cabeza dende había ben tempo. Porén, a ausencia dunha conexión decente a internet frustrou xa varios intentos. A cuestión fundamental, sempre que falamos de internet, é o contido; Santo Google xa se encarga do resto.

E ben, cales serían eses aspectos da vida que me rodea que ían dotar de contido ao caderno do capitán?. Recordo que nun primeiro momento pensaba facer disto un blog de opinión sobre noticias de actualidade, principalmente políticas e socio-económicas. Aínda que coa frecuencia de divagación dun pensamento ecléctico como o meu isto podía rematar sinxelamente non empezando.

Así pois, para empezar decidinme por algo doado, por esa outra parte da vida que deixamos de lado porque carece de importancia, porque non ten éxito social ou porque sinxelamente "non vende". Teño decidido enfocar este blog como unha terapia de desconexión do habitual e o cotián, dedicándome a recompilar, compartir e reflexionar sobre as rarezas dunha vida corrente. Precisamente, canto máis nos afastamos da nosa "cara a" é cando máis nos decatamos que a nosa vida pode ser tan pouco corrente como nós queramos mirala.

O máis lido