23 October 2010

O importante é o lanzamento

Vaia con este post a miña homenaxe á que considero a mellor serie de todos os tempos: Northern Exposure (Doutor en Alaska). E a considero a mellor serie de todos os tempos desde unha perspectiva da "vida en b". Unha serie sinxela, de xentes correntes no medio de ningures. Sen embargo, para as persoas que quedábamos espertas ata tarde, sufrindo os contínuos cambios de programación de "La 2", e que agora grazas a internet podemos voltar a rememorar á carta aqueles gratos momentos, esta é a serie por excelencia, con xentes especiais no medio dun sitio extraordinario.

En cada un destes capítulos descobres cousas únicas a través da mirada de cada unha das súas personaxes únicas e o seu xeito de relacionarse que, máis aló das reflexións filosóficas, aportan coñecementos dos campos máis diversos: astronomía, medicina, física, historia, xeografía, socioloxía, relixión, cine, música... Foi nunha destas aportacións culturais pola que cheguei a Take the money and run (Colle o diñeiro e fuxe) de Woody Allen, e de rebote, e a través das sinápses da rede, á canción de Steve Miller Band co mesmo nome. E de aí, ao curioso video musical que algún afeccionado fixo a posteriori para ambientala, e que podedes atopar na marxe dereita.

Esta serie ten un montón de momentos, pero se tivera que quedarme con algún, quedaríame co que a todos nos deixou coa boca aberta, incluídos a todas as personaxes da serie: guai, interesante, bonito, estupéndo ou simplemente un rotundo "si" de Chris ao final, o definen.




A lanzar! Os camiños son moitos, pero collamos o que collamos desfrutemos del ata a última pedra. Non importa o camiño senón o o acto de camiñar (como nos recordaba anteriormente Machado) ou "fagas o que fagas, faino de corazón, non importa a meta senón a pasión que pos nelo e o que aprendes polo camiño" (como conclúe a persoa que subiu o vídeo)

03 October 2010

O son da rúa


Quen non ten un mp3 ou similar? Quen non tivo nos 90s un discman ou nos 80s un mítico walkman? A miúdo convértense nos nosos compañeiros de viaxe en traxectos peregrinos de casa ao traballo, do traballo a casa, da casa á escola... A pena de todo é que nos sumerxen nun aillamento que nos mantén afastado de todo o que sucede fóra nosa, nalgúns casos ata de xeito perigoso, e impídenos escoitar o son da rúa.

En certa ocasión teño quedado sen batería, e é entón cando descobro a multitude de cancións que soan ao meu redor; tantas cancións coma vidas que se moven bulideiras de acó para aló. Estou nun bus urbán ás 6 da tarde dun día laborábel. Non é a quietude que atopei pola mañá na marquesiña cando aínda non despuntara o sol: ruídos de persianas que se levantan, portas que se abren, os ecos dunhas pisadas ao lonxe e, achegándose, as luces do bus casi baleiro que agardaba. Pola tarde o bus vai pletórico: rapaces que volven da escola, nais e pais que os acompañan, xóvenes que se achegan á universidade, traballadores que veñen e que van...

Como deixou de chover (nunca chove eternarmente aínda que vivas en Santiago), decido baixar do bus e continuar a pé pola zona vella. Camiñando ao lado duns soportais escoito uns acordes de guitarra coñecidos: o Knocking on heavens door de Bob Dylan. Non consigo ver á persoa que toca a guitarra. Tras zigzagear entre unhas cantas columnas atopo a un músico da rúa, quizáis un nómada que chegou a Santiago por algún dos seus incontables camiños alonxados da comercial espiritualidade xacobea. É novo, bastante ben coidado, de pelo loiro e escasa barba que fai translucir os golpes da vida na súa faciana a xeito dalgunha engurra e unha cicatriz.

Cando cheguei ao seu lado espreitei nos seus ollos tratando de atopar algunha pegada da súa vida. Puiden contemplar eses ollos fixos na súa tarefa como os do vello que queda engaliolado co lume da lareira. Non son dado a deixar esmola así que non o fixen, simplemente retribuín a un músico da rúa como cando retribuín a merca do meu mp3. Entón puiden ver como os seus ollos mudaban cun brillo e os seus beizos mo agradecían cun sincero sorriso.

O seguinte vídeo vai adicado a todas esas persoas músicas da rúa que nos ensinan que non hai camiño, que o camiño se fai ao andar, como diría o poeta. E por suposto, tamén adicado para as baterías dos mp3, que por sorte, de vez en cando tamén se esgotan. Deste xeito podemos escoitar a realidade e gozar co camiño, coas vidas que atopamos e coas cousas que suceden no seu andar.

O máis lido