23 October 2010

O importante é o lanzamento

Vaia con este post a miña homenaxe á que considero a mellor serie de todos os tempos: Northern Exposure (Doutor en Alaska). E a considero a mellor serie de todos os tempos desde unha perspectiva da "vida en b". Unha serie sinxela, de xentes correntes no medio de ningures. Sen embargo, para as persoas que quedábamos espertas ata tarde, sufrindo os contínuos cambios de programación de "La 2", e que agora grazas a internet podemos voltar a rememorar á carta aqueles gratos momentos, esta é a serie por excelencia, con xentes especiais no medio dun sitio extraordinario.

En cada un destes capítulos descobres cousas únicas a través da mirada de cada unha das súas personaxes únicas e o seu xeito de relacionarse que, máis aló das reflexións filosóficas, aportan coñecementos dos campos máis diversos: astronomía, medicina, física, historia, xeografía, socioloxía, relixión, cine, música... Foi nunha destas aportacións culturais pola que cheguei a Take the money and run (Colle o diñeiro e fuxe) de Woody Allen, e de rebote, e a través das sinápses da rede, á canción de Steve Miller Band co mesmo nome. E de aí, ao curioso video musical que algún afeccionado fixo a posteriori para ambientala, e que podedes atopar na marxe dereita.

Esta serie ten un montón de momentos, pero se tivera que quedarme con algún, quedaríame co que a todos nos deixou coa boca aberta, incluídos a todas as personaxes da serie: guai, interesante, bonito, estupéndo ou simplemente un rotundo "si" de Chris ao final, o definen.




A lanzar! Os camiños son moitos, pero collamos o que collamos desfrutemos del ata a última pedra. Non importa o camiño senón o o acto de camiñar (como nos recordaba anteriormente Machado) ou "fagas o que fagas, faino de corazón, non importa a meta senón a pasión que pos nelo e o que aprendes polo camiño" (como conclúe a persoa que subiu o vídeo)

03 October 2010

O son da rúa


Quen non ten un mp3 ou similar? Quen non tivo nos 90s un discman ou nos 80s un mítico walkman? A miúdo convértense nos nosos compañeiros de viaxe en traxectos peregrinos de casa ao traballo, do traballo a casa, da casa á escola... A pena de todo é que nos sumerxen nun aillamento que nos mantén afastado de todo o que sucede fóra nosa, nalgúns casos ata de xeito perigoso, e impídenos escoitar o son da rúa.

En certa ocasión teño quedado sen batería, e é entón cando descobro a multitude de cancións que soan ao meu redor; tantas cancións coma vidas que se moven bulideiras de acó para aló. Estou nun bus urbán ás 6 da tarde dun día laborábel. Non é a quietude que atopei pola mañá na marquesiña cando aínda non despuntara o sol: ruídos de persianas que se levantan, portas que se abren, os ecos dunhas pisadas ao lonxe e, achegándose, as luces do bus casi baleiro que agardaba. Pola tarde o bus vai pletórico: rapaces que volven da escola, nais e pais que os acompañan, xóvenes que se achegan á universidade, traballadores que veñen e que van...

Como deixou de chover (nunca chove eternarmente aínda que vivas en Santiago), decido baixar do bus e continuar a pé pola zona vella. Camiñando ao lado duns soportais escoito uns acordes de guitarra coñecidos: o Knocking on heavens door de Bob Dylan. Non consigo ver á persoa que toca a guitarra. Tras zigzagear entre unhas cantas columnas atopo a un músico da rúa, quizáis un nómada que chegou a Santiago por algún dos seus incontables camiños alonxados da comercial espiritualidade xacobea. É novo, bastante ben coidado, de pelo loiro e escasa barba que fai translucir os golpes da vida na súa faciana a xeito dalgunha engurra e unha cicatriz.

Cando cheguei ao seu lado espreitei nos seus ollos tratando de atopar algunha pegada da súa vida. Puiden contemplar eses ollos fixos na súa tarefa como os do vello que queda engaliolado co lume da lareira. Non son dado a deixar esmola así que non o fixen, simplemente retribuín a un músico da rúa como cando retribuín a merca do meu mp3. Entón puiden ver como os seus ollos mudaban cun brillo e os seus beizos mo agradecían cun sincero sorriso.

O seguinte vídeo vai adicado a todas esas persoas músicas da rúa que nos ensinan que non hai camiño, que o camiño se fai ao andar, como diría o poeta. E por suposto, tamén adicado para as baterías dos mp3, que por sorte, de vez en cando tamén se esgotan. Deste xeito podemos escoitar a realidade e gozar co camiño, coas vidas que atopamos e coas cousas que suceden no seu andar.

09 August 2010

Carne crua

Chegado o ecuador do verán, no mes de parón por excelencia, fanse imprescindibles encher os ocos da programación cas repeticións dos mellores momentos. Resulta que, con isto dos podcast, fíxenme afeccionado a seguir os programas en diferido a través da internet. Un dos que estou repasando, aproveitando as vacacións do programa, é Carne Cruda en Radio3; programa que recomendo a todas as persoas que lles interese a cultura en b tratada dun xeito divertido e sen ambaxes.

No programa do 12 de xullo, o carniceiro do programa, Javier Gallego, fixo un monólogo brillante coas mesmas ideas que pasaron pola miña cabeza ese día. Non só volo recomendo polo fondo senón tamén pola forma; esa peculiar forma retranqueira que ben seguro vos fará pasar algo máis que un bo rato, faravos rir.

Para as persoas que confían nunha conclusión no parágrafo de despois do vídeo, simplemente comentarlles que a confianza só vos fará invencibles cando a persoa que atopedes enfronte teña exactamente a mesma confianza. En fin, no mundo non todo roda baixo unha perfecta engrenaxe de introdución, nó e desenlace...

Web de Carne Cruda


11 July 2010

Todo esperma é sagrado?

Mentres a maioría das persoas do mundo desenvolvido andaban a contactar coa súa parte máis "a" na final do mundial de fútbol, eu estaba gozando do bright side of life cos meus queridos Monthy Python. Pois ben, unha das películas que sempre me quedou pendentes de ver, e que é absolutamente recomendable tanto para as persoas que lle guste este peculiar sentido do humor coma para as que non, é "The meaning of life". E lla recomendaría porque nos fai reformular moitos conceptos sagrados que temos da vida. Un deles, co que comungan moitas persoas do mundo desenvolvido e que tamén lle impoñen ás do mundo en desenvolvemento, é o seguinte: "o esperma é sagrado".

Pero mellor que volo conten os Monty Python, que o ides entender moito mellor.



A conclusión para min é sinxela: sagrado, sagrado, só hai a liberdade.

20 June 2010

A mirada de ébano

Ébano fai referencia a unha madeira densa e de cor casi negra, máis tamén á metáfora que emprega Ryszard Kapuściński no seu libro homónimo para referirse ao gran continente esquencido: África. Con esta palabra resumimos en tres sílabas "un planeta en si mesmo, un universo variado e riquísimo. Se o chamamos África é sólo para simplificar e por pura comodidade. Aparte da denominación xeográfica, en realidade África non existe". Con esta contundencia o autor convida a visitar e coñecer o descoñecido; a guía de viaxe trócase nun caderno de bitácora onde fuxindo dos estereotipos e das comodidades, Ryszard adéntrase na vida en b de decenas de pobos. Unha vida en b que a miúdo estoupa en anacos cos continuos conflítos étnicos recuperados e mesmo potenciadaos cunha pésima descolonización que obrigou a compartir estado a tribús históricamente rivais.


Entre miserias, fames, descolonizacións, guerras e golpes de estado aflora a fermosura de contemplar a vida con outros ollos: o feito de rexistrar cos nomes os acontecementos históricos, a tradición do clan de compartir todo entre os seus membros ou a súa curiosa e relativa visión do tempo. Neste último aspecto quero determe, e pese ao reducionismo que supón falar de "europeos" e "africanos", Ryszard afirma que ambos "teñen un sentido do tempo completamente diferente; percíbeno de xeitos dispares e as súas actitudes tamén son distintas".

A nosa dependendia idolátrica do tempo, froito dunha interpretación científica como algo absoluto, fainos exclavos deste. "Entre o home e o tempo prodúcese un conflito insalvable, conflito que sempre remata coa derrota do home: o tempo aniquílao". Por contra, o africano percibe o tempo dun xeito ben dfierente: "o tempo aparece como consecuencia dos nosos actos e desaparece se o ignoramos ou o deixamos de importunar".

Contado así de xeito teórico pode resultar difícil de comprender, xa que logo Ryszard explica que "traducido á práctica, iso significa que se imos a unha aldea donde pola tarde debía celebrarse unha reunión e alí non hai ninguén, non ten sentido preguntar "cando se celebra a reunión?". A resposta coñécese de antemán: "cando acuda a xente". Xa que logo o cando non existe, senón un estado inerte de espera onde as agullas do reloxo detéñense e só volverán a moverse cando pase algo.

Quizáis cun enfoque no que son os nosos actos os que controlan o tempo e non á inversa, en Europa o estrés, os reloxos, os restaurantes de comida rápida, os coches e todo o que nos leva a aforrar tempo no camiño non estarían tan estendidos. A lástima é que aforrando tempo no camiño, vivindo continuamente cara o futuro, cara a meta, fainos olvidar o presente e todo o que temos ao noso lado mentres camiñamos. Parece que o que coñecemos como África é a clara inspiración do movemento slow.

13 June 2010

Sinxelo coma un click

Ás veces non é necesario ter unha introdución, un nó e un desenlace para todo o que facemos. Na vida en b chega sinxelamente con sentir o que nos vén en cada momento, con experimentar as pequenas cousas sen parar a analizalas demasiado. Por isa razón hoxe quero compartir con vós a visión dun pequeno amigo meu dunha cidade como Madrid. Ben é certo que ista non é das miñas cidades preferidas. O vídeo e incluso a idea de visitala (outra vez) xurdiu como escala dunha fin de semana mochileira. Sen embargo, máis que a cidade, o acento debe ser posto nos ollos coa que a miramos. Gozade do vídeo, gozade da inconfundible voz de Jack Jonshon que o acompaña e gozade mesmo de Madrid, se algunha vez vos vedes atrapadas ou atrapados por alí.


29 May 2010

A vida dentro dunha pompa de xabón

Un día calquera, calquera por desgraza, decenas de pensamentos golpean a nosa mente de camiño a ningures. Nese intre no que o carrusel xira demasiado rápido para nos baixar del e o golfiño xa non xoga cos aneis de ar, decatámonos que o inverno chegou sen nin sequera pasar o outono. Tentando de buscar unha causa, poñémoslle caras a eses pensamentos e probamos a resolver multitude de escenarios en infinitos universos paralelos.

"A soidade mellor en compañía" era o sabor que deixaba a película de Vías cruzadas (The Station Agent). "A felicidade mellor compartida" era a mensaxe que escribía a xeito de testamento vital o protagonista de Cara rutas salvaxes (Into the wild). Parece ser que os mellores momentos que recordamos da nosa vida son sempre a carón doutras persoas. Sen embargo, eses pensamentos, esas preocupacións, esa ansiedade que provocan "os outros", fan que en certo momento desexemos sacrificar o pracer da compaña por unha vida harmónica de soidade.

Esa vida tranquila, a dos pequenos praceres cotiás de ver coma se divirte un neno pequeno facendo pompas de xabón, son aos que nos fan renunciar as preocupacións que voan a diario polo noso maxín. Só cando eses pensamentos estoupan como as pompas é cando podemos voltar á serenidade da vida en b e tomar consciencia de que o que nos agobia non son os demáis, senón as imaxes ficticias que creamos deles na nosa cabeza. Compre saír da nosa burbulla e vivir unha vida onde a compañía real é a das persoas, non a dos pensamentos, e na que a felicidade radica en aproveitar ao máximo cada momento, por pequeno e insignificante que nos podida parecer.

18 April 2010

Pasando páxina

Foi esta unha longa noite de pedra no tema do blog máis isto non quere dicir que fose unha longa noite de pedra de caras b. O único que faltou foi tempo para poñelas por escrito. De camiño a unha desas historias que ao principio comezan como afeccións para ao final converterse en ocupacións, xurdiu este pensamento.

Despois de semanas reproducindo no mp3 as mesmas cancións dos mesmos discos, fun quen de atreverme a renovar o repertorio. Nesta última ocasión metín tres discos dos Sunday Drivers que lonxe de deixarme indiferente, trouxéronme sentimentos positivos semellantes aos de cando descubrín a Jack Jonhson. Música independente, moi melódica, pausada e agradable de escoitar. Levaba xa uns días dándolle voltas ao mesmo disco sen nin sequera pasar aos outros dous. Críticas musicais a aparte, debo dicir que foi un craso erro. Se non fose por este acto de valentía, curiosidade ou desapego polo coñecido, nunca chegaría á seguinte canción.



É asombroso o paralelismo co que sucede as máis das veces na vida real. Ocasión tras ocasión atámonos a momentos ou situacións como quen se ata a unha canción que lle gusta moito e non para de repetir. Máis na maioría dos casos, estas cancións comezan a volverse obsesivas e toda a felicidade e o pracer que nos provocaban nun principio muda en dor e desacougo. Neses momentos nos que reducimos toda a nosa existencia a unha única canción non somos conscientes de que existen outras, e incluso outros discos ou mesmo outros grupos ou estilos musicais.

Unha canción de rock suave, sinxela pero resultona; coma as do resto do disco transmite bos sentimentos pero cun matiz de alegría diferenciado, quizais polo uquelele. Porén, son consciente de cada canción ten o seu momento, pero sobre todo ese primeiro momento de descubrimento inesperado. E de vez en cando, un sopro de aire fresco é necesario nas nosas repetitivas vidas.

06 January 2010

A felicidade do golfiño

Froito dun deses programas de televisión recompilatorios do mellor do ano 2009, descubrín a habilidade dos golfiños para facer aneis de ar cos que logo xogan. Non foi moi difícil atopalo en Internet; aparece nuns cantos portais de vídeos e noutros tantos blogs. Resulta abraiante como algo que en principio nos parece unha rareza, ao final resulta que estaba completamente estendido e o sabía ata o último morador do ciberespacio.




De calquera xeito, e sen entrar no fenómeno da mecánica de fluídos, no que máis dunha persoa xa se estendeu dabondo na descrición, non deixa de ser un feito sinxelo. O que parece máis ben complexo é que nos continúe a chamar a atención que algúns animais sigan a facer cousas só por pracer; tamén no caso dos golfiños o feito de practicar sexo. Quizais vai sendo hora de que tomemos nota da natureza, antes de que acabemos con ela, e meditemos sobre cara onde imos e por que facemos o que facemos. O camiño da felicidade está máis preto das teorías simples que das máis complexas, razón pola cal, ao igual que Epicuro, quédome coa filosofía de vida que tan ben representan aquí estes golfiños.

O máis lido