30 August 2009

Amor encadeado

En certa ocasión descubrín, xunto co meu amigo Naran, un estraño costume nos valos da entrada do Campus Sur de Santiago de Compostela. As nosas mentes, máis proclives á imaxinación desmesurada que á realidade, non tardaron en atopar diferentes explicacións moi próximas ao estilo ikerjimeneciano.

Fai pouco o programa Callejeros Viajeros sacounos da nosa ingnorancia: o de poñer cadeados en valos, farois e pontes é propio de xoves e devotos namorados. O certo é que este costume naceu en Roma. E naceu en Roma por causa da novela Teño ganas de ti, de Federico Moccia. As parellas de namorados ecriben as súas iniciais nun cadeado e o enganchan nun farol da ponte Milvio, botando as chaves ao río Tiber. A situación actual da ponte non está exenta de polémica política, e así mentres a centroesquerda está por defender o patrimonio cultural e cree que deberían habilitarse outras estruturas específicas, a centrodereita aposta por conservar o atractivo turístico destes símbolos do amor.

Como tanto os italianos como as italianas son moi dados a facer Erasmus por aquí, non tardaron en exportar a usanza. En Sevilla, por exemplo, empregan a ponte de Triana. Na Coruña estanse a dar os primeiros experimentos no Milenium. E por suposto en Internet, onde un par de italianos desenvolveron unha páxina web na que podes colgar gratuitamente o teu cadeado virtual. As variantes son moitas: valos, pontes, internet, nalgúns casos escriben as iniciais, noutros escriben mesmo unha frase ou pintan un debuxo. O que resulta raro é que en Santiago, no sitio que elexiron una ducia de namorados para selar o seu amor, non hai río, nin mar, nin ciberespacio para tragar as chaves. Será que as gardan polo que poida pasar?


26 August 2009

Medios de desinformación

Este domingo recuperei de novo a conciencia do pouco útil que resulta ver a televisión (e en xeral os medios de comunicación convencionais) para estar informado do que sucede no mundo. 15:00h, Cuatro Noticias, sección internacional, "manifestación contra a reforma da Lei Orgánica de Educación proposta polo goberno de Chávez". Enfoque dunha manifestación multitudinaria; sacan as declaracións dun par de persoas falando da "politización da ensinanza", "adoutrinamento ideolóxico" e de "levar o socialismo ás aulas". Acto seguido enfocan unha contramanifestación de partidarios chavistas; nesta ocasión non hai declaracións. Fin da noticia.

Dende que asistín á conferencia de Pascual Serrano en Santiago de Compostela sobre a desinformación dos medios de comunicación comprendín máis claramente que no proceso de información debe haber unha actitude activa, e polo tanto moito máis crítica. Todo o contrario que os medios convencionais (máis reducidos, unidireccionais e propiedade de grupos empresariais), internet é unha fonte casi inesgotable, bidireccional e accesible a todos os intereses e ideoloxías, que nos permite esa actitude crítica.

Chávez é un "ditador" parece ser a conclusión a que nos quere facer chegar esta nova e todas as que a diario se publican sobre Venezuela nos medios, inda que exiten algúns máis interesados que outros. Eses mesmos medios que se olvidan doutros ditadores como Teodoro Obiang, pero que dan menos problemas ás multinacionais. Como calquera cousa que acontece en calquera país en vías de desenvolvemento no que o liberalismo económico atope impedimentos, temos consignas ou lemas máis que noticias. Sinxelamente porque as noticias de verdade teñen rigor, profundidade, una labor investigadora de fondo e por suposto unha confrontación das opinións.

Dende logo, o que non é noticia é a desinformación á que os medios en xeral nos teñen acostumados sobre a realidade internacional. A miúdo coñecemos da existencia de varios conflictos que suceden por toda a xeografía mundial, de manifestacións de grupos radicais ou de execucións ou torturas de sistemas totalitarios. No mellor dos casos ese coñecemento non é máis que superficial: nada se fala da causa dos conflictos, nin se vai máis alá dos cristais rotos dos radicais nin se afonda nas orixes deses réximes totalitarios.

O que sí é noticia é o interese que demostra o grupo do finado Polanco en atacar todo movemento político que vén de Venezuela. Un exemplo máis amplo o tivemos vai pouco coa modificación da Constitución desa república. Eran famosas as consignas de "Chávez non se vai", "Chávez gaña o referendo sobre a súa permanencia no poder" e "Chávez consigue vía libre a reelección" que encheron os xornais de España o día despois do referendo. Pero se houbo un diario empeñado en reducir unha reforma constitucional de amplo contido a unha cuestión de relección presidencial, ese foi El País. En primeiro lugar este diario estaba moi interesado en confundir reelección con goberno perpetuo e en segundo, moi pouco interesado en falar das grandes reformas económicas; asuntos como a prohibición tallante do latifundio, descentralización do poder, prohibición de monopolios e alianza entre a propiedade estatal-pública, comunal-social e privada, etc. Quizáis porque estes asuntos non son moi do agrado de certas empresas transnacionais (coma Repsol) as cales gardan certas relacións co grupo PRISA.

No caso da reforma da Lei Orgánica de Educación vólvese a producir o mesmo patrón de actuación dos medios; neste caso máis feble polo menor calado económico do asunto. De novo, volvo a consultar por internet e atopo a maior oposición a esta reforma por parte dos conservadores relixiosos, molestos polo excesivo "humanismo" e laicismo da escola pública. Recoméndovos o artigo de "Dios se fue de la Escuela" de Marcelo Colussi. Convídovos a buscar outras fontes de información independentes e a cotexar os diferentes puntos de vista, pero ante todo convídovos a ser críticos e a non quedarvos nos lemas e consignas que supoñen os titulares tendenciosos dos grandes medios de comunicación. Todos e cada un dos puntos da reforma son opinables, pero non, os medios de masas vanse ao fácil, e nalgúns casos, á mentira descarada. Como dicía Pascual, os mass media non informan, crean realidades. Eu case diría que adoutrinan.


21 August 2009

Calexico

Calexico é un nome que pode facer referencia á cidade fronteiriza do sur de California ou ao grupo indie de Tucson (Arizona) . Da Calexico cidade pódese dicir, a modo de curiosidade, que é a cidade de USA que ten máis porcentaxe de habitantes latinos (85%). Cousa cada vez menos curiosa xa que a xente que viaxou por aló asegura que pola metade sur podes cruzar USA de este a oeste falando só español. Do Calexico grupo destaca o seu eclecticismo nunha agradable mestura de sonidos folk americanos e mexicanos xunto co rock alternativo. De ambos habería que dicir o que resulta evidente: deben o seu nome á combinación de California e México.

Recordo que a primeira vez que escoitei este nome foi no 2006 de camiño a un de tantos campus de verán da "Universidade de Mondoñedo". Nesa ocasión, e tamén o será agora, era para falar do Calexico grupo musical. Non recordo exactamente cal era o LP que me puxeron naquela ocasión, aínda que sí o bo sabor de boca que me deixou. Dende entón Calexico non se volvera a cruzar no meu camiño. Foi hai escasos dias, case coincidindo coa inauguración do blog, que o meu antecesor zamorano, Adolfo, lle agasallou aos meus oídos co seu último LP (Carried to dust).

A primeira impresión foi moi agradable: trátase dun disco de varios estilos mesturados de forma moi equilibrada, sonidos suaves, intimistas por momentos, en ocasións algo popeiros pola voz do vocalista Joey Burns. Un deses discos que escoitas unha e outra vez, canción por canción, sen cansarte del. Lendo un pocuo por internet descubrín que este concepto musical coñécese como "americana" e un cento de cousas máis sobre o grupo para as que vos recomendo a súa páxina oficial.

Volvendo sobre o disco en si, conta coa colaboración dun montón de invitados, entre os que resultaba facilmente recoñecible no incrible bolero "Inspiración" a voz de Amparo Sánchez, líder do desaparecido grupo Amparanoia. Outros cortes que me encantaron foron "El gatillo", un instrumental transfornteirizo que trae recordos de spaguetti western, "House of Valparaiso", fermosísima peza acústica do estilo praieiro, "Man made lake", "Two silver trees"... e por suposto a homenaxe a Victor Jara, alé-alé, que non logro sacarme da cabeza.


20 August 2009

Aquí me baixo


Todo o mundo é consciente, inda que non parece facer demasiado para remedialo, que nas sociedades occidentais a cultura do "rápido" é dona do momento. Esta forma de tomarnos a vida fai que moitas cousas pasen ao noso redor sen prestarlles apenas atención pois, dende a nosa óptica acelerada, non son máis que caras b. Sen embargo, hai persoas que baixan do carrusel e deciden parar a reflexionar, a meditar ou simplemente a sentir e experimentar o que as rodea.

Hoxe pola mañá, de camiño ao traballo, atopei unha desas persoas: unha rapaza sentada no medio dunha beirarrúa en costa, ao lado dun semáforo. Aparentemente esperando por alguén ou por algo, coas mans abrazando os nocellos e a mirada lonxana. Sen dúbida non é a imaxe bucólica de reflexión que imaxinamos: ao lado do mar, no ocaso do sol do verán, xa chegando o momento máxico do luscofusco... Quizáis por iso faise máis atípica e máis chamativa. En todo caso, o mellor momento para tomarse a vida coa calma que nos permita ser donos dela é SEMPRE.


19 August 2009

Despois do a...

... vén o b. A creación dun caderno de bitácora no que recoller as miñas impresións sobre certos aspectos da vida do día a día roldaba xa a miña cabeza dende había ben tempo. Porén, a ausencia dunha conexión decente a internet frustrou xa varios intentos. A cuestión fundamental, sempre que falamos de internet, é o contido; Santo Google xa se encarga do resto.

E ben, cales serían eses aspectos da vida que me rodea que ían dotar de contido ao caderno do capitán?. Recordo que nun primeiro momento pensaba facer disto un blog de opinión sobre noticias de actualidade, principalmente políticas e socio-económicas. Aínda que coa frecuencia de divagación dun pensamento ecléctico como o meu isto podía rematar sinxelamente non empezando.

Así pois, para empezar decidinme por algo doado, por esa outra parte da vida que deixamos de lado porque carece de importancia, porque non ten éxito social ou porque sinxelamente "non vende". Teño decidido enfocar este blog como unha terapia de desconexión do habitual e o cotián, dedicándome a recompilar, compartir e reflexionar sobre as rarezas dunha vida corrente. Precisamente, canto máis nos afastamos da nosa "cara a" é cando máis nos decatamos que a nosa vida pode ser tan pouco corrente como nós queramos mirala.

O máis lido