26 August 2009

Medios de desinformación

Este domingo recuperei de novo a conciencia do pouco útil que resulta ver a televisión (e en xeral os medios de comunicación convencionais) para estar informado do que sucede no mundo. 15:00h, Cuatro Noticias, sección internacional, "manifestación contra a reforma da Lei Orgánica de Educación proposta polo goberno de Chávez". Enfoque dunha manifestación multitudinaria; sacan as declaracións dun par de persoas falando da "politización da ensinanza", "adoutrinamento ideolóxico" e de "levar o socialismo ás aulas". Acto seguido enfocan unha contramanifestación de partidarios chavistas; nesta ocasión non hai declaracións. Fin da noticia.

Dende que asistín á conferencia de Pascual Serrano en Santiago de Compostela sobre a desinformación dos medios de comunicación comprendín máis claramente que no proceso de información debe haber unha actitude activa, e polo tanto moito máis crítica. Todo o contrario que os medios convencionais (máis reducidos, unidireccionais e propiedade de grupos empresariais), internet é unha fonte casi inesgotable, bidireccional e accesible a todos os intereses e ideoloxías, que nos permite esa actitude crítica.

Chávez é un "ditador" parece ser a conclusión a que nos quere facer chegar esta nova e todas as que a diario se publican sobre Venezuela nos medios, inda que exiten algúns máis interesados que outros. Eses mesmos medios que se olvidan doutros ditadores como Teodoro Obiang, pero que dan menos problemas ás multinacionais. Como calquera cousa que acontece en calquera país en vías de desenvolvemento no que o liberalismo económico atope impedimentos, temos consignas ou lemas máis que noticias. Sinxelamente porque as noticias de verdade teñen rigor, profundidade, una labor investigadora de fondo e por suposto unha confrontación das opinións.

Dende logo, o que non é noticia é a desinformación á que os medios en xeral nos teñen acostumados sobre a realidade internacional. A miúdo coñecemos da existencia de varios conflictos que suceden por toda a xeografía mundial, de manifestacións de grupos radicais ou de execucións ou torturas de sistemas totalitarios. No mellor dos casos ese coñecemento non é máis que superficial: nada se fala da causa dos conflictos, nin se vai máis alá dos cristais rotos dos radicais nin se afonda nas orixes deses réximes totalitarios.

O que sí é noticia é o interese que demostra o grupo do finado Polanco en atacar todo movemento político que vén de Venezuela. Un exemplo máis amplo o tivemos vai pouco coa modificación da Constitución desa república. Eran famosas as consignas de "Chávez non se vai", "Chávez gaña o referendo sobre a súa permanencia no poder" e "Chávez consigue vía libre a reelección" que encheron os xornais de España o día despois do referendo. Pero se houbo un diario empeñado en reducir unha reforma constitucional de amplo contido a unha cuestión de relección presidencial, ese foi El País. En primeiro lugar este diario estaba moi interesado en confundir reelección con goberno perpetuo e en segundo, moi pouco interesado en falar das grandes reformas económicas; asuntos como a prohibición tallante do latifundio, descentralización do poder, prohibición de monopolios e alianza entre a propiedade estatal-pública, comunal-social e privada, etc. Quizáis porque estes asuntos non son moi do agrado de certas empresas transnacionais (coma Repsol) as cales gardan certas relacións co grupo PRISA.

No caso da reforma da Lei Orgánica de Educación vólvese a producir o mesmo patrón de actuación dos medios; neste caso máis feble polo menor calado económico do asunto. De novo, volvo a consultar por internet e atopo a maior oposición a esta reforma por parte dos conservadores relixiosos, molestos polo excesivo "humanismo" e laicismo da escola pública. Recoméndovos o artigo de "Dios se fue de la Escuela" de Marcelo Colussi. Convídovos a buscar outras fontes de información independentes e a cotexar os diferentes puntos de vista, pero ante todo convídovos a ser críticos e a non quedarvos nos lemas e consignas que supoñen os titulares tendenciosos dos grandes medios de comunicación. Todos e cada un dos puntos da reforma son opinables, pero non, os medios de masas vanse ao fácil, e nalgúns casos, á mentira descarada. Como dicía Pascual, os mass media non informan, crean realidades. Eu case diría que adoutrinan.


No comments:

O máis lido