Recordo que a primeira vez que escoitei este nome foi no 2006 de camiño a un de tantos campus de verán da "Universidade de Mondoñedo". Nesa ocasión, e tamén o será agora, era para falar do Calexico grupo musical. Non recordo exactamente cal era o LP que me puxeron naquela ocasión, aínda que sí o bo sabor de boca que me deixou. Dende entón Calexico non se volvera a cruzar no meu camiño. Foi hai escasos dias, case coincidindo coa inauguración do blog, que o meu antecesor zamorano, Adolfo, lle agasallou aos meus oídos co seu último LP (Carried to dust).
A primeira impresión foi moi agradable: trátase dun disco de varios estilos mesturados de forma moi equilibrada, sonidos suaves, intimistas por momentos, en ocasións algo popeiros pola voz do vocalista Joey Burns. Un deses discos que escoitas unha e outra vez, canción por canción, sen cansarte del. Lendo un pocuo por internet descubrín que este concepto musical coñécese como "americana" e un cento de cousas máis sobre o grupo para as que vos recomendo a súa páxina oficial.Volvendo sobre o disco en si, conta coa colaboración dun montón de invitados, entre os que resultaba facilmente recoñecible no incrible bolero "Inspiración" a voz de Amparo Sánchez, líder do desaparecido grupo Amparanoia. Outros cortes que me encantaron foron "El gatillo", un instrumental transfornteirizo que trae recordos de spaguetti western, "House of Valparaiso", fermosísima peza acústica do estilo praieiro, "Man made lake", "Two silver trees"... e por suposto a homenaxe a Victor Jara, alé-alé, que non logro sacarme da cabeza.

No comments:
Post a Comment