19 August 2009

Despois do a...

... vén o b. A creación dun caderno de bitácora no que recoller as miñas impresións sobre certos aspectos da vida do día a día roldaba xa a miña cabeza dende había ben tempo. Porén, a ausencia dunha conexión decente a internet frustrou xa varios intentos. A cuestión fundamental, sempre que falamos de internet, é o contido; Santo Google xa se encarga do resto.

E ben, cales serían eses aspectos da vida que me rodea que ían dotar de contido ao caderno do capitán?. Recordo que nun primeiro momento pensaba facer disto un blog de opinión sobre noticias de actualidade, principalmente políticas e socio-económicas. Aínda que coa frecuencia de divagación dun pensamento ecléctico como o meu isto podía rematar sinxelamente non empezando.

Así pois, para empezar decidinme por algo doado, por esa outra parte da vida que deixamos de lado porque carece de importancia, porque non ten éxito social ou porque sinxelamente "non vende". Teño decidido enfocar este blog como unha terapia de desconexión do habitual e o cotián, dedicándome a recompilar, compartir e reflexionar sobre as rarezas dunha vida corrente. Precisamente, canto máis nos afastamos da nosa "cara a" é cando máis nos decatamos que a nosa vida pode ser tan pouco corrente como nós queramos mirala.

No comments:

O máis lido