10 April 2013

Vagabundeando no eixe do mal

Detrás do título deste libro escóndese unha actitude positiva cara o mundo e os seres humanos que o habitamos. Viaxando por países demonizados por occidente, Juan Pablo Villarino, escritor, periodista e fotógrafo, pero ante todo vagamundo, móstranos o rostro humano das boas xentes que viven en lugares como Turquía, Siria, Exipto, Irán, Iraq e Afganistán. 


Moitos europeos, ao ver unha noticia sobre Siria ou Iraq no seu televisor, pensan que se trata doutro mundo, pero esquecen que hai unha ponte concreta tendida cara a esas vidas anónimas, unha mesma estrada que pasa preto da súa casa e que, despois de cambiar innumerables veces de número e estado, chega a Istanbul, logo a Ankara, Teherán, Herat e Kabul. O autosop faime pensar na humanidade como un continuum que transcende toda fragmentación política. Nada está tan lonxe como para serme alleo .

O libro narra a viaxe polo mal chamado eixo do mal no ano 2005; desde entón nestes barrios do noso planeta cambiaron moitas cousas, cesaron conflictos e comezaron outros novos. O que non cambia é o carácter humano, a confianza na bondade do xénero e na hospitalidade da cultura destes pobos de Oriente machacados polos medios de desinformación de Occidente.

Como xa observei incontables veces no ano que levo viaxando, á xente agrádalle saber que hai outra xente - neste caso eu- que de distintas maneiras se embarca na quixotesca cruzada de mostrar un mundo mellor, e por iso te apoian, te aloxan, poñen o ombro e che dan o que non teñen, porque senten que é necesario que sigas facendo o que estás a facer, precisamente polo quixotesco do asunto, acaso porque senten que o teu sono é tamén o seu. Así logro dixerir, aínda que non esquecer, a triste imaxe deses nenos xogando a asasinar.

Un libro de fácil lectura, ideal para as viaxes rutinarias no autobús ao traballo ou á escola. Un xeito de evadirse e de viaxar lonxe a través dos pasos doutra persoa, pero sobre todo unha viaxe interior de esperanza, de cuestionarnos a nosa desconfianza e os nosos medos adquiridos. Non se trata de esquecer as tristes imaxes da humanidade (os nenos xogando a asasinar, o intento do timo, os controis policiais, a violencia...), trátase de dixerila coa mellor parte do ser humano: a hospitalidade. Juan Pablo demostra que é posible vencer o medo ao descoñecido: só 5 dólares ao día. É o diñeiro o que crea as barreiras, o ser humano o que pode rompelas.

O máis lido