06 December 2011

O imposible só tarda un pouco máis

Simplemente dálle ao play e non teñas medo de tocar o sol...


Xa dicían os presocráticos que para adicarse a pensar era necesario ter as necesidades básicas cubertas. Precisamente, nun mundo onde cada día son menos as persoas que teñen o necesario para vivir dignamente, o pensamento, e con el a liberdade, corre perigo. Non deixemos que ninguén nos diga o que é posible ou imposible, non deixemos que uns poucos acaparen os soños da maioría; que non che impidan soñar

Para o individuo o imposible é a regra, para a humanidade o imposible só tarda un pouco máis en chegar. Agora máis que nunca é tempo dos artistas, da imaxinación e do soño, mais non dos ronquidos. Escribiu Jardiel Poncela: O vulgar é o ronquido, o inverosímil, o soño. A humanidade ronca pero o artista está na obriga de facela soñar ou non é artista.

Infórmate, le, pensa, comparte, fala, imaxina, soña, crea e vive; vive a vida en b, a vida plural, a vida no que o "imposible" só tarda un pouco máis.

14 March 2011

Voina: outro xeito de entender o arte

Voina é un colectivo ruso caracterizado polas súas performances provocativas e de denuncia. No seu punto de mira: os políticos, a policía, a corrupción, o consumismo... Recuperan o arte urbano como ferramenta de loita contra a podredume do sistema establecido. Traen esos lonxanos efluvios do 69 onde se berraba aquelo da "imaxinación ao poder." A imaxinación podémola empregar como ferramenta de denuncia pero tamén para construír novas alternativas. A asunción galega por excelencia do "éche o que hai" é a negación máis rotunda da nosa imaxinación e da nosa capacidade creativa e innovadora. Case se pode dicir que é unha maneira de negar o propio ser humano.

Entre as súas accións míticas: meter gatos da rúa no McDonalds denunciando o fast-food, colgar varias persoas dos corredores dun supermercado en protesta a unhas declaracións racistas e homófobas do alclade de Moscú, a pintada dun pene de 65 metros nunha ponte levadiza fronte a sede dos sucesores da KGB... ovbiamente foron multados, encarcelados e por suposto vexados policialmente. Pero como din, "non estamos asustados, estamos anoxados".

Deixovos aquí unha das súa últimas accións que fala por si sola: o estar anoxado contra o que te rodea pódese expresar de xeito máis imaxinativo que só coa violencia.


13 February 2011

Centro di gravità

"Centro di gravità permanente" é unha canción de Franco Batiato de comezos dos anos 80. Máis aínda, é a canción que me permitiu reconectar coa meu yin da vida en b. Lonxe de ser o gran clásico, a versión descoñecida ou a típica canción indie coa que facer unha "gran" banda sonora dunha "gran" reflexión, fica máis preto do hortera ou do puramente kitsch.




Resultannos familiares as súas notas por Hombres G co seu mítico "vamos juntos hasta Italia" de "Venezia". Porén, o que non é tan coñecido é a súa letra orixinal.

Cerco un centro di gravità permanente
che non mi faccia mai cambiare idea sulle cose sulla gente
avrei bisogno di...

Este retrouso fíxome pensar no desprazado que tiña ultimamente o meu centro de gravidade, xirando a miña existencia ao redor do planeta equivocado. Non é que considere a esencia da felicidade o acto de non cambiar de opinión, máis ben podería resultar até aburrido. Sen embargo si que considero elemental ter un equilibrio, un centro de gravidade permantente, ao redor do cal oscilar entre as dúas caras da nosa vida.

Certa reflexión asegura que resulta moito máis sinxelo cambiar o punto de vista que temos sobre unha cousa ou persoa que cambiar esa cousa ou persoa en si. Non é que se trate de mudar as nosas ideas nin de non tratar de mudar o que nos rodea. Máis ben é cuestión de que, independentemente de que se produza ou non ese cambio, iso non afecte ao noso centro de gravidade. Isa é a que debería ser a maior das nosas necesidades e a única das nosas preocupacións.

O máis lido