Froito dun deses programas de televisión recompilatorios do mellor do ano 2009, descubrín a habilidade dos golfiños para facer aneis de ar cos que logo xogan. Non foi moi difícil atopalo en Internet; aparece nuns cantos portais de vídeos e noutros tantos blogs. Resulta abraiante como algo que en principio nos parece unha rareza, ao final resulta que estaba completamente estendido e o sabía ata o último morador do ciberespacio.
De calquera xeito, e sen entrar no fenómeno da mecánica de fluídos, no que máis dunha persoa xa se estendeu dabondo na descrición, non deixa de ser un feito sinxelo. O que parece máis ben complexo é que nos continúe a chamar a atención que algúns animais sigan a facer cousas só por pracer; tamén no caso dos golfiños o feito de practicar sexo. Quizais vai sendo hora de que tomemos nota da natureza, antes de que acabemos con ela, e meditemos sobre cara onde imos e por que facemos o que facemos. O camiño da felicidade está máis preto das teorías simples que das máis complexas, razón pola cal, ao igual que Epicuro, quédome coa filosofía de vida que tan ben representan aquí estes golfiños.

No comments:
Post a Comment