29 May 2010

A vida dentro dunha pompa de xabón

Un día calquera, calquera por desgraza, decenas de pensamentos golpean a nosa mente de camiño a ningures. Nese intre no que o carrusel xira demasiado rápido para nos baixar del e o golfiño xa non xoga cos aneis de ar, decatámonos que o inverno chegou sen nin sequera pasar o outono. Tentando de buscar unha causa, poñémoslle caras a eses pensamentos e probamos a resolver multitude de escenarios en infinitos universos paralelos.

"A soidade mellor en compañía" era o sabor que deixaba a película de Vías cruzadas (The Station Agent). "A felicidade mellor compartida" era a mensaxe que escribía a xeito de testamento vital o protagonista de Cara rutas salvaxes (Into the wild). Parece ser que os mellores momentos que recordamos da nosa vida son sempre a carón doutras persoas. Sen embargo, eses pensamentos, esas preocupacións, esa ansiedade que provocan "os outros", fan que en certo momento desexemos sacrificar o pracer da compaña por unha vida harmónica de soidade.

Esa vida tranquila, a dos pequenos praceres cotiás de ver coma se divirte un neno pequeno facendo pompas de xabón, son aos que nos fan renunciar as preocupacións que voan a diario polo noso maxín. Só cando eses pensamentos estoupan como as pompas é cando podemos voltar á serenidade da vida en b e tomar consciencia de que o que nos agobia non son os demáis, senón as imaxes ficticias que creamos deles na nosa cabeza. Compre saír da nosa burbulla e vivir unha vida onde a compañía real é a das persoas, non a dos pensamentos, e na que a felicidade radica en aproveitar ao máximo cada momento, por pequeno e insignificante que nos podida parecer.

No comments:

O máis lido