Italiano para principiantes, Italian for begginers ou Italiano per principianti (o meu preferido) non é ningunha película italiana. O seu título orixinal é Italiensk for begyndere e é de orixe danesa. Nesta comedia romántica atípica fálase dos problemas das relacións humanas de seis persoas moi distintas que conflúen nun curso de italiano. É unha película atípica en canto a que pertence ao estilo de cine dogma 95, o máximo representante do cal é Lars Von Trier. Se ben todos temos en mente Dogville, Italiano para principiantes é menos simbólica e moito máis agradable. Porén, repecta o principio fundamental do movemento: a sinxeleza. Trátase de dar protagonismo ao desenvolvemento dramático, en lugar dos arranxos de post-produción, co obxeto de recuperar a esencia do cine. Esa esencia, en certa medida, perdida entre os intereses dunha industria cinematográfica pendente case exclusivamente do económico.Que é o que resulta máis destacado desta película? A capacidade de facer bo cine con escasos medios, de xeito artesanal. A pesar de que en certos momentos observas como treme a cámara (hai que rodar cámara en man segundo o decálogo dogma 95), que non hai música (salvo a do ambiente propia da escena) e que a calidade da fotografía é propia dun telefilme, a película engancha, e engancha porque hai unha boa historia e unha boa interpretación detrás. Non hai música orquestrada nin espectaculares tomas fotográficas para conmover sentimentos no espectador, senón simplemente media ducia de actores e actrices desenvolvendo perfectamente o seu papel.
A título persoal, esta película supuxo que dous meses despois estivera viaxando cara a Roma, atraído fundamentalmente pola fermosa fonética do italiano. Agora, un ano e medio despois, conseguín praza na Escola Oficial de Idiomas de Santiago para iniciar o meu particular curso de italiano para principiantes; chamado aquí de forma menos romántica: Básico 1. A primeira impresión teño que decir que foi moi boa. Por unha banda, o profesor, un mozo dinámico e agradable ao que lle encanta tanto o italiano como a ensinanza. E pola outra, un grupo de alumnos cunha media de idade de trinta e pico, que acoden a clase por interese persoal e non obrigados por esixencias profesionais.
Aínda que o ambiente non chega a acadar a familiaridade do grupo da película, si está moi por riba do que cabería esperar considerando os recortes de financiamento que padecen as Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia. Estes recortes obrigan a que os mesmos profesores teñan que facer fronte a unha cada vez maior demanda de cursos, formándose listas de agarda tan interminables como as colas de matricula. Este último mes sairon en prensa continuas novas ao respecto. Podedes facervos unha idea da problemática lendo o manifesto da asociación de profesores de escolas oficiais de idiomas de Galicia. Agora deixovos cunha auténtica clase de italiano per principianti...

No comments:
Post a Comment