15 September 2009

Os pequenos praceres matutinos da vida

Resulta incrible o que pode facer unha mestura de música relaxante, como a versión do Losing my religion de Tori Amos, e unha tranquila mañá de vacacións. Tal e como xa comentara na entrada Aquí me baixo, é pouco usual observar estampas de tranquilidade nunha mañá calquera do día a día. A non ser, claro está, que cando espertas poñas o disco a 33 rpm e non a 45 rpm. Pois ben, neses días de quietude nos que comezas as mañás a 33 rpm, nos que almorzas con calma e podes darte o privilexio dun bo paseo matutino, es quen de descubrir eses pequenos praceres da vida que cando vas montado no carrusel fican ocultos.

Espértome cedo, vou facer a compra nun super casi baleiro e regreso a casa por un camiño distinto ao habitual, menos transitado. Nese paseo matutino fágome máis consciente dos diferentes ángulos da cidade que me rodean. Ao lonxe, entre as montañas, vexo o continuo discorrer das filas de coches interminables polo periférico e a autoestrada. No medio, o comezo da actividade laboral faise eco no son da rodadura dunha furgoneta e na fala dalgunhas ferramentas. E máis preto, unha nai tirando da súa pequena que a súa vez tira dunha mochila con rodas, seguramente camiño do colexio. Detrás deles un can ceibo ulisca e escarva no céspede. De súpeto, un refacho de vento, sorteando as árbores próximas, refresca as miñas meixelas aínda arroibadas pola calor da almofada.

Oh, Life, is bigger
It's bigger than you
And you are not me
(...)



A miúdo centos de cousas suceden ao noso redor, milleiros de pequenas experiencias que fican baleiras porque media ducia de pensamentos se fan donos das nosas vidas. Descoñezo o mecanismo exacto polo que perdemos esa capacidade constante para sorprendernos e vernos atraídos polo que sucede ao noso redor, por esas experiencias sinxelas: as cores do arco da vella, o tacto das sabas ao despertarnos ou o perfume da herba recén cortada. O que si sei é que cando o facemos nos volvemos adultos. Entón, as cousas habituais deixan de chamarnos a atención e precisamos de experiencias novas (e usualmente costosas) para distraer a nosa mente. Pensamos máis que sentimos, e cando o facemos é de forma bastante artificial.

A tranquilidade, motivada pola despreoucupación de cando somos nenos, permítenos ter os sentidos ben abertos e gozar con esas pequenas cousas que en realidade poden ser todo o grandes que queiramos sentilas. A vida é grande, abarca máis ca ti (e ca min), pero claro, ti non es eu...

No comments:

O máis lido