25 December 2009

As veas abertas da América Latina

Tras esta longa noite de pedra no caderno de bitacora quero recuperar a b-normalidade cun retallo do libro que ocupa ultimamente a miña mesiña de noite. Trátase dun coñecido ensaio do autor uruguaio Eduardo Galeano publicado xa vai uns cantos aniños (1971). Porén, a universalidade do libro fica en rareza para a gran maioría da sociedade europea e norteamericana, ignorantes dos escuros entresixos das súas historias coa de America Latina, dende a súa colonización ata a época contemporánea. Un libro imprescindible para comprender a realidade de 580 millóns de almas.


" (...) Non sucede o mesmo, en cambio, co consumo de coca, que non naceu cos españois; xa existía en tempos dos incas. A coca distribuíase, non obstante, con mesura; o goberno incaico monopolizábaa e só permitía o seu uso con fins rituais ou para o duro traballo nas minas. Os españois estimularon agudamente o consumo de coca. Era un espléndido negocio. No século XVI gastábase tanto, en Potosí, en roupa europea para os opresores como en coca para os oprimidos.
Catrocentos mercadores españois vivían, no Cuzco, do tráfico de coca; nas minas de prata de Potosí entraban anualmente cen mil cestos, cun millón de quilos de follas de coca. A Igrexa extraía impostos á droga. O inca Garcilaso de la Vega dinos, nos seus "comentarios reais", que a maior parte da renda do bispo e dos cóengos e demais ministros da igrexa de Cuzco proviña dos décimos sobre a coca, e que o transporte e a venda deste produto enriquecía a moitos españois. Coas escasas moedas que obtiñan a cambio do seu traballo, os indios compraban follas de coca en lugar de comida: mastigándoas, podían soportar mellor, ao prezo de abreviar a súa propia vida, as mortais tarefas impostas. Ademais da coca, os indíxenas consumían augardente, e os seus propietarios queixábanse da propagación dos vicios maléficos. A esta altura do século vinte, os indíxenas de Potosí continúan mastigando coca para matar a fame e matarse e seguen queimándose as tripas con alcohol puro. Son as estériles revanchas dos condenados."

No comments:

O máis lido